Thursday 16 de May de 2024

Sés e Arredores actuarán este xoves na xornada de benvida ao alumnado da UDC


Inés Rey animou aos novos estudantes a asistir aos concertos e a gozar da cidade e da súa ampla oferta de actividades e servizos

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá xunto ao reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, os actos da xornada de benvida ao alumnado da UDC, que terá lugar este xoves, día 21 de setembro, no estadio universitario do Campus de Elviña. A xornada comezará ás 12.00 horas e rematará ás 18.00 horas, tendo lugar diferentes actividades deportivas, culturais e medioambientais.

O Concello da Coruña colabora coa UDC na organización desta xornada de benvida coa programación de dous concertos, que comezarán ao remate do resto de actos. A máis destacada será a actuación de Sés. A artista coruñesa é unha das voces de maior prestixio da música en galego. Por outra banda, tamén actuará o conxunto Arredores, unha das grandes promesas da música tradicional galega.

Inés Rey destacou a importancia deste acto para dinamizar o inicio do curso universitario e fortalecer os vínculos dos estudantes coa cidade. “A UDC ten un alumnado comprometido co labor académico do que, ano tras ano, nos sentimos orgullosos pola súa dedicación e á súa achega ao desenvolvemento investigador, un alumnado que demostra que A Coruña é unha cidade de progreso tamén nas aulas”, sinalou a rexedora.

Rey destacou a importancia da colaboración entre o seu Goberno municipal e a UDC. “Froito desa colaboración, hoxe os e as estudantes pagan un 60 % menos polo seu billete de autobús, acadamos avances na constitución da Cidade das TIC e conseguimos ser a sede da primeira Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial de Europa”, dixo a rexedora.